Monday 06 de May de 2024

A Xunta instalará un novo espazo de lecer no Encontro Internacional de Sur Junior pro Razo-Caion para garantir a conciliación das familias


As familias con menores de 4 a 16 anos poderán acceder a este stand que quedará situado no paseo da praia de Razo entre os días 20 e 24 de setembro

A Xunta de Galicia, a través do Plan Corresponsables, apoia un novo programa de actividades lúdicas para garantir a conciliación das familas con menores de entre 4 e 16 anos, con motivo do campionato internacional de surf Junior Pro Razo – Caión 2023 que se celebrará en Carballo entre os días 20 e 24 de setembro.

A apertura deste recurso enmárcase no convenio que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinou co Club Praia de Pantín, por valor de case 150.000 euros, para dotar de espazos de conciliación aos nenos e nenas da comarca de Ferrol a finais de xuño e ata mediados de xullo, e nos eventos que organiza.

Trátase de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos asistentes ao evento como público, das persoas participantes e do persoal traballador. En Razo quedará instalado un espazo de lecer con obradoiros e un servizo dedicado ao coidado profesional dos menores de 4 a 16 anos.
No stand da Consellería, desenvolverase un proxecto socioeducativo destinado a favorecer a participación e a interacción a través do xogo, con actividades como un taller de reciclaxe creativa, charlas explicativas ou xogos tradicionais e de praia.

O campionato Junior Pro Razo-Caión é, xunto co Pantín Classic Galicia Pro, un dos eventos de surf máis importantes de España e de Europa. No mesmo citaranse máis dun cento de deportistas que exhibirán as súas habilidades, en ambas as dúas praias de Razo en Carballo, e Caión en A Laracha.